Thursday 02 de May de 2024

San Sadurniño leva a pleno este xoves a actualización das taxas segundo o IPC e a modificación do regulamento da escola infantil


Tamén se someterá a votación unha moción do BNG demandando a inclusión nos orzamentos da Xunta de varios investimentos para o territorio

Último xoves do mes de novembro, día de pleno en San Sadurniño e o último de carácter ordinario do ano. A sesión está posta para as 19:30h en primeira convocatoria e leva na relación de asuntos para tratar e votar dous temas principais: a modificación do regulamento da EIM A Rolada de cara a incorporar variacións no articulado indicadas pola Xunta de Galicia, así como a actualización das ordenanzas sobre taxas segundo o IPC. Á orde do día tamén se incorporou nos prazos establecidos unha moción do grupo municipal do BNG demandando que os orzamentos autonómicos inclúan distintos investimentos no municipio.

En canto á modificación do regulamento da escola infantil municipal, o que se abordará no pleno é a inclusión no texto de varias observacións trasladadas pola Consellaría de Política Social e Xuventude. A proposta da alcaldía é aceptalas, aínda que no expediente consta un informe técnico da Secretaría municipal que, en termos xerais, se mostra moi crítico coa maioría delas por consideralas unha intromisión na potestade regulamentaria e de autoorganización do Concello.

Outra das cuestións trascendentes que se tratará na sesión será a actualización das ordenanzas fiscais segundo o IPC, tomando como referencia o dato publicado polo INE no mes de outubro. O incremento porcentual situarase no 3,6% e aplicaráselle a todas as taxas a partir do 1 de xaneiro do ano que vén.

Na orde do día figura, como cuarto punto da parte resolutiva, o debate e aprobación -de ser o caso- dunha moción presentada polo BNG na que se relacionan unha serie de investimentos para o territorio, instando á Xunta de Galicia a que os recolla nos orzamentos autonómicos de 2024. As peticións son varias: melloras no CPI San Sadurniño, a demanda histórica de que se urbanice o chan industrial, a transferencia da escola infantil ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a execución dunha nova fase de consolidación no castelo de Naraío, a mellora dos servizos de Atención Primaria no Centro de Saúde e, por último, a reparación integral da antiga estrada das Pontes entre Igrexafeita e Espiñaredo.

Ao tratarse dun pleno ordinario tamén haberá unha quenda para formular rogos e preguntas, así como a posibilidade de introducir novas mocións se a maioría da corporación respalda a súa urxencia. A sesión, como vén sendo habitual, emitirase a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño, compartindo o vídeo ao vivo tamén en Facebook.